Perfil de ingreso
O PDIEL, aínda que orientado a licenciados/as de titulacións filolóxicas (especialmente das áreas de Filoloxía Hispánica, Filoloxía Galega e Portuguesa, Filoloxía Románica, Teoría da Literatura e Literatura Comparada e outras do campo CNEAI 11) e, por afinidade, doutras pertencentes á rama de Artes e Humanidades (campo CNEAI 10), non establece ningunha diferenciación ou prioridade respecto da procedencia académica das/os solicitantes, pero require coñecementos de nivel C1 nalgunha das linguas do PD (español, galego ou portugués).
Se a/o solicitante provén dalgún dos másteres que inclúen estudios de carácter literario, en particular daqueles organizados tanto pola UDC como pola UVIGO, a admisión ao PDIEL poderase realizar sen necesidade de complementos formativos.
Proceso de selección
Os criterios de selección teñen en conta os seguintes aspectos, coas porcentaxes asignados:
- Expediente académico de licenciatura ou grao (50%).
- Currículum vitae (30%).
- Memoria explicativa dos motivos e obxectivos que motivan a incorporación a este programa de doutoramento (20%).
Para ser admitido no PDIEL débese acadar unha porcentaxe mínima do 80%.
Ademais, a CAPD poderá establecer novos criterios compatibles cos aquí expostos, co fin de precisar a aplicación dos principios enunciados, especialmente no relativo aos aspectos valorables no currículum (segundas titulacións, publicacións relacionadas coas liñas de investigación ofertadas, experiencia profesional, etc.). Así mesmo, poderá realizar unha entrevista cos candidatos para aclarar e ponderar adecuadamente os méritos presentados.
Adicionalmente, para ser admitido no PDIEL é altamente recomendable contar co aval dun/a investigador/a do PD, quen debe manifestar a súa dispoñibilidade para asumir as funcións de titoría e, preferentemente, de (co)dirección. A ausencia do dito aval pode constituír, por si mesma, un factor de exclusión. Este requisito é ineludible no caso de proxectos de teses interdisciplinarias que inclúan áreas de coñecemento non literarias, co fin de garantir unha codirección por parte de especialistas nas ditas áreas.